Thursday 25 de April de 2024

A Xunta inicia o procedemento para adxudicar unha Vivenda de Promoción Pública no concello de Culleredo


— O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que dá comezo a selección do futuro adxudicatario deste inmoble, dispoñible de novo tras quedar vacante

— O sorteo entre os demandantes de VPP no municipio realizarase o 24 de novembro

A Xunta de Galicia acaba de iniciar o procedemento para seleccionar ao futuro adxudicatario dunha vivenda protexida de promoción pública (VPP) localizada no concello coruñés de Culleredo.

Segundo se explica na resolución publicada hoxe no DOG, trátase dun inmoble de tres dormitorios que, ao abeiro de anteriores procesos selectivos, xa fora adxudicado pero que na actualidade volve estar á disposición do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) tras quedar vacante.

Para poder optar a esta vivenda, os beneficiarios terán que cumprir unha serie de requisitos: estar inscritos ou ter a solicitude de inscrición presentada a día de hoxe no Rexistro único de demandantes de vivenda indicando Culleredo como concello preferente; ter uns ingresos ponderados por unidade familiar ou de convivencia entre 0,7 e 2,5 veces o IPREM; residir ou traballar no municipio no que está a VPP —agás no caso de emigrantes que desexen retornar—; e carecer dunha vivenda en propiedade.

Para a adxudicación, elaborarase unha listaxe con todas as persoas anotadas no Rexistro como demandantes de vivenda protexida en Culleredo e a partir dela, farase un sorteo ante notario o próximo 24 de novembro. Deste procedemento sairá unha relación de candidatos provisionais, seguindo a orde de selección que se derive do propio sorteo.

A inclusión dunha persoa nesta listaxe, de calquera xeito, non determinará a súa condición de adxudicatario definitivo, en tanto non se acredite que cumpre cos criterios esixidos para poder acceder a esta VPP.

Ambas listaxes de adxudicatarios —a provisional e a definitiva— publicaranse nos taboleiros de anuncios do Concello de Culleredo, no da área provincial coruñesa do IGVS e na páxina web deste organismo. En todo caso, os solicitantes disporán dun prazo de 10 días para presentar a correspondente reclamación ante a Comisión provincial de vivenda.

A listaxe definitiva deste proceso de selección, mentres manteña a súa vixencia, utilizarase tamén para futuras adxudicacións de vivendas protexidas neste concello.